Queremos contarvos un pouquiño o que estamos a traballar (relacionado coas mates). Non é cousa desta semana, senón que levamos xa dous meses iniciándonos no mundo das matemáticas e a verdade, non nos vai nada mal!!!
Empezamos traballando cos dedos (sacamos 1 dedo, 2 dedos, agora ningún! agora 3, ...) Primeiro, copiamos á profe (tantos dedos como a profe ten levantados), despois tantos dedos como na foto, e finalmente xa, poñemos 1 dedo, poñemos 3 dedos, poñemos 5 dedos, ...e así, pasamos ratiños xogando á vez que aprendemos as cantidades.
Así comezamos, traballando cos dedos da man e poñendo TANTOS COMO...
Despois xa pasamos a usar os paus, TANTOS PAUS COMO...Usamos uns vasiños que tiñamos pola clase, collimos uns depresores de cores e veña, a contar e meter en cada vaso tantos paus como dedos estean levantados na foto.
IMPORTANTE! Algúns Pimpíns, visualmente vemos os dedos e xa sen pensar dicimos...2! 3! ou 4! e os que aínda non os recoñecemos dun vistazo, é fundamental CONTAR, por exemplo, se son 4 dedos, pois 1...2...3...4! 4 dedos! Contar despaciño, poñendo o noso dedo enriba da foto, e ir pouquiño a pouco contando todos os dedos ata dar co número correcto.
Do conteo cos dedos, pasamos xa aos puntiños. Temos unhas camisetas ben molonas ás que lle temos que poñer TANTAS pinzas COMO puntos teña a camiseta.
* Sempre dicimos, TANTOS COMO porque isto implica contar os puntiños e despois as pinzas, implica saber que ten que haber o mesmo número de puntos que de pinzas. Se dicimos, pon 3 pinzas aí, o neno/a colle as 3 pinzas, colócaas e nada máis, non ten porque haber razoamento detrás desa acción. Pola contra, se dicimos TANTOS COMO, sí implica razoar. Teño que razoar cantas teño que poñer e para iso teño que contar previamente, razoo tamén que hai a mesma cantidade (tantos como...), é dicir, deste xeito estamos traballando máis procesos básicos relacionados coa comprensión das matemáticas, que serán os que nos axudarán nas nosas futuras aprendizaxes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario